Monday 29 de April de 2024

A Xunta convoca o proceso selectivo para cubrir 104 prazas de auxiliares de Policía Local en 27 concellos galegos


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras do proceso selectivo, que será de oposición por quenda libre
A Xunta convoca o proceso selectivo para cubrir 104 prazas de auxiliares de policía local en 27 concellos galegos, tal e como informa hoxe o Diario Oficial de Galicia, que publica as bases reguladoras dun procedemento que será de oposición por quenda libre e permitirá, aos que o superen, ser contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formar parte da listaxe de reserva.
Os aspirantes deberán ter cumpridos os 18 anos e estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente, ademais de ter unha estatura mínima de 1,65 metros nos caso dos homes e de 1,60 no caso das mulleres.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, e deberán presentarse, preferiblemente, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Posteriormente publicarase no DOG a relación de persoas admitidas e excluídas e, na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (https://agasp.xunta.gal/es), as datas de celebración das probas selectivas e demais comunicacións dos procesos.
Para superar o proceso de selección será necesario realizar unhas probas de aptitude física o contestar a un cuestionario tipo test, ademais de realizar a pertinente avaliación de coñecemento da lingua galega. Tanto os aspirantes aprobados como os incluídos na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Agasp como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local.
Os concellos que convocan as 104 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambados, Cangas, O Carballiño, Cedeira, Fene, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Miño, Mugardos, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ortigueira, Poio, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
A Xunta aprobou no ano 2017 un decreto que permite aos concellos delegar na AGASP o proceso selectivo das categorías de auxiliares e de policía local. Os concellos poden adherirse de forma voluntaria asinando un convenio para aforrar xestións e recursos, ademais de mellorar a axilidade do proceso. A día de hoxe teñen asinado o convenio coa AGASP un total de 85 concellos.